Thursday 19 de September de 2024

As comarcas do centro da Coruña foron as máis beneficiadas polas axudas de medio rural para plans de mellora nas explotacións e incorporación de mozos á actividade agraria


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe en Santa Comba unha explotación láctea que percibiu achegas da Xunta

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe no concello de Santa Comba a explotación agraria Gandería Serpe SC, dedicada a produción láctea. Esta granxa acadou dúas axudas da consellería de Medio Rural a través da Orde de subvencións para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas e para a incorporación de agricultores mozos.

En concreto, esta explotación láctea acadou unha axuda para a cubrición da fosa de xurro, a instalación de novos silos e para construción dun cortello completo con capacidade para 65 vacas produtoras, que inclúe aloxamento gandeiro, zona de espera, leitería, oficina e aseo. Ademais, a granxa tamén recibiu unha segunda axuda para a incorporación como socio dun agricultor mozo.

O delegado territorial agradeceu o esforzo dos integrantes desta moderna gandería, xa que “a través de proxectos coma este se demostra que a Xunta de Galicia está no camiño correcto cando aposta por fomentar a competitividade da agricultura galega mediante a modernización das explotacións e a incorporación de agricultores mozos, para que o rural sexa sinónimo de emprendemento e xuventude e non de estancamento”.

Entre os gastos que se poden subvencionar nesta esta orde están a compra de nova maquinaria, gastos para a elaboración de proxectos técnicos de construción ou reforma das explotacións, permisos, licenzas, plantación e mellora de cultivos, compra de novos terreos e adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos. Ademais, nesta orde tamén se apoia economicamente a incorporación de mozos ás actividades agrarias e gandeiras, co fin de fomentar o relevo xeracional nas explotacións.

No total provincial, a Consellería do Medio Rural apoiou o ano pasado con esta orde a 294 explotacións agrarias da provincia da Coruña, achegando axudas que suman 12.020.488,8 euros, dos que preto de 9 millóns foron en subvencións para plan de mellora e 3,1 para axudas para a incorporación de 112 mozos ás actividades agrarias e gandeiras. Contando co esforzo financeiro das propias explotacións, esta orde de axudas significou un investimento no agro de máis de 22 millóns e medio de euros.